Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga (¿? - Alba de Tormes, 1486), foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, prototipo de cabaleiro feudal, eríxese coma unha das figuras máis controvertidas da Galiza feudal. Moito se ten escrito sobre as súas accións e maneiras, e a súa figura suscita xenreira e louvanza por igual. Vasco de Aponte, cronista galego de comezos do século XVI, testemuña de primeira orde que nos legou unha valiosa obra que narra os aconteceres de tan convulsos anos, escribía:
"[Pedro] era mui mañoso, y sutil, y mui sabio, y mui sentido en cosas de guerra, era mui franco, y trataba bien a los suyos, y era muy cruel con sus enemigos, comía mucho de lo ageno, era uno de los grandes sufridores de trabajos que habia en España toda, ni por que lluviese, ni nevase, ni elase, ni porque hiçiese todas las tempestades del mundo, no dejaria de haçer sus echos, ni daría un cornado por dormir fuera en invierno ni en casa cubierta. Donde no hallase ropa, sabía dormir ençima de una tabla".
Era de orixe bastarda. Seu pai, Fernán Yáñez, tivérao de resultas dos seus amoríos cunha familiar da condesa de Ribadavia, probablemente unha irmá ou unha curmá. Como fillo ilexítimo, procuróuselle un futuro tranquilo na carreira eclesiástica, establecendo seu pai a Esteban de Sotuelo coma mestre de seu fillo. Mesmo o monarca castelán Henrique IV pronunciou o seu nome para ocupar a mitra compostelá en mans dos Fonseca, familia que non mantiña moi boas relacións coa coroa. De feito, o citado monarca consideraba os Soutomaior necesarios para ver freadas as ansias do arcebispo de Santiago.
Tralo falecemento de Fernán Yáñez, sucédeo no morgado o seu lexítimo primoxénito, Alvar Páez de Soutomaior, casado con dona María de Ulloa. O seu mandato non estivo exento de confrontacións cos Sarmiento, inimigos acérrimos dos Soutomaior. Os intereses de ámbalas dúas casas chocaban frontalmente polo control do sur da actual provincia de Pontevedra. Mais o matrimonio non deu os froitos agardados, e Alvar Páez lexitimou ao seu medio-irmán Pedro no ano 1468, herdando este e actuando en contra dos desexos de seu pai, que se negaba a que un bastardo ocupase o máis alto escalafón familiar.
Precisamente neste mesmo ano a figura de Pedro Madruga entraría coma un vendaval no panorama político e militar da Galiza, xusto cando a Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) eclosionaba e varría do panorama o poder nobiliar. Farto das inxustizas e desmáns da clase dirixente, o Terceiro Estado (apoiado por fidalgos e membros do baixo clero) erguese en armas contra os seus señores naturais. E durante dous anos fanse co poder efectivo do territorio derrocando canta fortaleza aparecia ao seu paso. Non imos analizar nestas liñas as causas do alzamento irmandiño, como tampouco as diferentes fases do conflito bélico. Interésanos máis a contraofensiva nobiliar e os seus efectos, onde a figura a estudar tivo un papel decisorio.
Ao comezo da revolta, Alvar Páez atopabase na vila de Tui, onde a súa liñaxe tiña postos grandes intereses no seu control. Alí probablemente foi o escenario do seu recoñecemento como morgado dos Soutomaior. Asediado pola irmandade, Pedro foxe para Portugal, onde bos valedores o agardaban, e nesa mesma vila morrerá seu irmán. Neste período contrae nupcias con Tareixa de Távora, filla do cabaleiro Alvaro Pérez de Távora, fidalgo portugués de certa importancia.
Rematada a inestabilidade nobiliar entre os nobres partidarios do monarca e a liga desafecta a este, a nobreza galega comeza a manter contactos co obxectivo de coordinar unha ofensiva sobre Galiza e recuperar o poder perdido; nacía deste xeito, e para sorpresa de moitos, unha confederacion nobiliar onde se inscribiron aqueles que ata o momento estiveran ensarillados en guerras privadas, acérrimos inimigos. Chegados a un acordo, decidiuse atacar con tres exércitos que penetrarían no territorio galego por tres frontes:
- Pedro Madruga, grazas á colaboracion do rei portugués Afonso V e do seu sogro, logra reunir un exército mixto de galegos e portugueses e entra polo sur de Galiza coa intencion de reunirse en Compostela co arcebispo Fonseca e Juan de Pimentel (irmán do conde de Benavente).
- Dende Salamanca parte o arcebispo Fonseca, á cabeza dun segundo exército acompañado do citado Pimentel e outros cabaleiros da cidade castelá.
- O terceiro continxente parte de Ponferrada, comandado polo conde de Lemos (D. Pedro Álvarez Osorio) acompañado polo marechal Pero Pardo de Cela, co obxectivo de chegar ata Monforte.
Mais o protagonismo absoluto recae no de Soutomaior, cuxa iniciativa e ferocidade en combater os irmandiños foi salientable. O primeiro obstáculo a sortear tomou o nome da Framela ou Famela, castro situado no concello de Cotobade e do que previsiblemente se valerían os irmandiños para acometer ao Soutomaior. Unha vez mais é Vasco de Aponte quen nos relata o sucedido:
Salio Pedro Alvarez de Portugal con muchos de sus vasallos (...) y con esos y sus amigos juntó çien lanças y dos mil peones poco más o menos (...) los de la comunidad y del obispado de Tuy y Orense y del arçobispo de Santiago (...) se le atravesaron delante en el camino (por lo menos serían quatro mil o çinco mil villanos) [...], como buen cavallero esforço los suyos y acometió a los otros de tal manera que los vençió (...). Esta fue la da Famela o da Framela.
Hai autores que defenden que esta brutal reacción do señor de Soutomaior se inxire directamente baixo o tecido político e de intereses da nobreza galega. Por unha banda eliminaba un rival directo polo control do sur de Galiza, a inimizade Soutomaior-Sarmiento é de sobra coñecida; mesmo tentou atrapar no castelo tanto os cabaleiros afectos a don Diego Sarmiento de Soutomaior como o arcebispo Fonseca. Por outra banda, establecia a ruptura oficial do pacto señorial imperante na Galiza para lles facer fronte aos irmandiños. Pedro Madruga erixírase coma o antifonseca máis pertinaz, líder indiscutible da bandeiria (onde podemos destacar os Moscoso) que se formará na contra da sé compostelá.
Unha terceira sorte de beneficio para a figura de don Pedro foi o extremo da represalia contra os labregos levantiscos. A hipótese que algún autor baralla estriba no achegado da revolta irmandiña, como querendo castigar tamén polo acontecido ou soliviantando os ánimos para unha posible resposta campesiña.
O tempo e as circunstancias non xogaban a favor de Pedro Madruga. A presión real era abafante e o empuxe dos inimigos só lle permitían exercer unha guerra defensiva. O remate déronllo a súa muller Teresa de Távora e seu fillo Álvaro de Soutomaior. Nunha manobra cortesá conseguiron que os reis desposuíran de títulos e terras a Pedro Madruga e llos cederan ao fillo. Sen demora acudiu a Soutomaior, confabulou con algúns homes de seu pai e tomou o castelo de Soutomaior.
Pedro Álvarez montou en cólera e desherdou o fillo e chamou os aliados para recuperar a fortaleza. O conde de Caminha viuse só. O poder da coroa estaba detrás dos aconteceres. Desesperado e acurralado, o conde marchou de Galiza para Castela e reuniuse co Duque de Alba procurando o seu favor. Nos pagos do duque agardou o momento propicio; e este chegou cando os reis visitaron Alba de Tormes (Salamanca). O duque entrevistouse cos reis tentando o perdón rexio para o seu protexido, namentres o de Soutomaior agardaba o resultado da entrevista no mosteiro de San Leonardo. Foi neste lugar onde o cazou a morte no ano 1486. Non está moi clara a causa e Vasco de Aponte tampouco axuda á hora de aclarar o misterio:
Y unos dijeron que el conde muriera alli de dos carbúnculos, otros dijeron que el alcalde Proinao entrara en el monasterio con sus porquerones, y que le echara garrote al pescueço; unos diçen que fue de una manera y otros diçen que fue de otra; quiça fue de entrambas maneras.
Pasaba á historia unha das máis emblemáticas figuras do medievo galego. Incansable na loita, respectado e temido por igual. A serie de hipóteses acerca da sua morte pasan polo envelenamento por orde de seu fillo ou da man dos reis fartos dos desmáns do nobre. Foi un personaxe que deu pé a moita lenda e louvanzas populares. O noso rei dise que o denominaban os seus vasalos. Sirva como exemplo esta copla:
Viva la palma, viva la flor,
viva don Pedro Madruga,
don Pedro Álvarez de Soutomayor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario